DELIMITACIÓN DE NÚCLEOS RURAIS TRADICIONAIS. TEORÍA DAS DISTANCIAS MEDIAS (Capítulo I)

A pregunta que me encamiñou a facer a miña tese doutoral foi se existía algunha regra para poder determinar se existían parcelas que obrigatoriamente se tiñan que englobar nun núcleo rural ou non, e a esta pregunta é a que vou a intentar contestar neste post. ¿Pódese obrigar a un concello a que recoñeza que unha parcela debe estar incluída dentro dun núcleo rural? A responsa a adianto, . ¿Cómo?

 A Lei 2/2010 de modificación da LOUGA categoriza ó solo de núcleo rural (SNR en adiante) en tres tipos de núcleos, escindindo a tipoloxía única que antes existía en dúas categorías básicas: núcleo rural tradicional e común (arts. 13.1 e 13.3.a. e .b) e complexo (art. 13.3.c) que non é por si unha categoría senón a confluencia dentro dun mesmo núcleo das dúas anteriores.

 Para apreciar se o solo de núcleo rural posúe unha natureza reglada temos que partir dun presuposto previo:

a) EXISTENCIA OU RECOÑECEMENTO DUN NÚCLEO RURAL.

b) DELIMITACIÓN.

A) A existencia dun núcleo rural:

nucleo rural

O recoñecemento dun núcleo continúa a ser unha potestade absolutamente regrada aínda que de alcance substancialmente distinto. Deste xeito a LOUGA segue a esixir os tres requisitos clásicos: que estea poboado, singularizado pola existencia de edificacións tradicionais ou outros elementos e recoñecemento do núcleo por censos e padróns, engadindo un novo requisito: o recoñecemento polo Plan Xeral dos núcleos. A Lei permite ó Plan Xeral que estableza un modelo de ordenación do territorio que non recoñeza á totalidade dos núcleos do seu concello, ó contrario da anterior regulación, na que era obrigatorio. Dicimos que segue a ser un concepto regrado, porque o plan xeral, aínda que poida escoller non recoñecer a tódolos núcleos, deberá de establecer na súa Memoria ou no Modelo do Asentamento Poboacional cales son os requisitos que utiliza para o recoñecemento de determinados núcleos e cales utiliza para desbotar o recoñecemento dos demais.

B) A delimitación dun núcleo: ¿O solo de núcleo rural é reglado?

Dependerá do tipo de núcleo ante o que esteamos, polo que non se poderán facer conceptualizacións teóricas previas de carácter nivel xeral, xa que, as normas para a delimitación dependerán do tipo de núcleo ante o que esteamos: tradicional, que non é outro que o núcleo rural “único” que existía con anterioridade, polo que non se varía a súa natureza, ou común, no que prevalecen criterios distintos, como a consolidación edificatoria ou as previsións demográficas existentes.

Cómpre salientar, con carácter previo, que debemos proceder ó recoñecemento e constatación da existencia dun núcleo rural, consonte ó establecido no art. 13.1 da LOUGA. Só unha vez que temos dado este primordial paso, identificando o núcleo a delimitar, estamos preparados para proceder á delimitación do mesmo.

Para proceder á delimitación sinalamos a estrutura básica desta metodoloxía ou procedemento:

1)         Identificación das edificacións tradicionais.

2)         50 metros ou “Sámago do núcleo”.

3)         “Cerna do núcleo” ou “trama rural”.

4)         Morfoloxía e tipoloxía do núcleo.

5)         Delimitación propiamente dita.

6)         Consolidación.

 1_Edificacións tradicionais ::

tradicoinal2

O primeiro chanzo que debemos dar para delimitar un núcleo, sen dúbida algunha, é coñecer cales son as edificacións de tipoloxía tradicional do núcleo en cuestión, pois van determinar as arestas exteriores do núcleo, como marco en leira.

Para determinar cando estamos ante unha edificación tradicional, temos que ter en conta, tal e como sinalabamos na nosa tese que serán edificacións tradicionais aquelas que manteñan e conserven unha estrutura típica de muros de carga de pedra por ser o elemento más esencial que as define. Ó respecto remitímonos a un post que ó respecto escribimos neste mesmo blog: http://lopezabogados.org/web/edificaciones-tradicionales-en-la-ley-92002-de-ordenacion-urbanistica-de-galicia/

2_50 metros ou o “Sámago do núcleo” ::

samago

O segundo paso a seguir vén establecido no art. 13.3 da LOUGA . Unha vez sinaladas as edificacións tradicionais existentes no núcleo, teremos que sinalar cal é a súa área de máxima extensión, entendendo por tal, a máxima área susceptible de ser delimitada nun núcleo, que non poderá estenderse alén dos 50 metros dende o perímetro das edificacións tradicionais integrantes do mesmo. Para iso, teremos que trazar unha circunferencia de 50 metros en cada unha das catro esquinas de cada edificación tradicional. Teremos así sinalados os lindes dentro dos que teremos que trazar a delimitación do núcleo. Este perímetro máximo indícanos a zona de certeza negativa do concepto xurídico indeterminado SNR, constituíndo o interior das circunferencias o seu “sámago”. Lembremos a súa  definición por García de Enterría: “información que coñecemos dun xeito fiable coma fóra do concepto xurídico indeterminado.” Deste xeito, esta liña debuxa o límite máximo para que o delimitador estableza o límite do núcleo. En consecuencia, toda delimitación que se estenda máis aló desta liña está condenada en principio á súa nulidade.

3_ “Cerna do núcleo” ou “trama rural” ::

delimitación

O art. 13.3 da LOUGA establece os criterios para a delimitación dos núcleos, determinando o alcance dos mesmos. Lonxe de facer unha regulación “pormenorizada”, establece un mandato ó planificador cheo de conceptos xurídicos indeterminados e requisitos mínimos a cumprir, parecendo deixar un campo inmenso ó libre arbitrio dos concellos. Non deixa de ser unha aparente contradición que ten unha explicación: a grande diversidade e riqueza tipolóxico-morfolóxico dos núcleos en Galicia, impide que se fixen dende unha Lei xeral urbanística normas matemáticas para a súa ordenación definitiva, pois, de acordo co mandato do lexislador, débense delimitar respectando a propia morfoloxía preexistente de cada núcleo.

Detectado o problema, busquemos a solución. ¿É posible establecer os requisitos que determinan que unha parcela deba clasificarse coma SNR? ¿Existen normas que obriguen ó planificador? Estimamos que si se pode atopar un contido concreto á natureza regrada ó SNR, cando menos na cerna do núcleo, trama rural ou núcleo central do asentamento rural.

Como diciamos, o SNR é un concepto xurídico indeterminado, que seguindo a distinción de García de Enterría, posúe tres elementos:

1) Zona de certeza negativa

2) Halo do concepto.

3) Zona de certeza.

Deste xeito, aplicando esta doutrina ó SNR, atopamos:

1) A zona de certeza negativa está formada pola área exterior ó “sámago”, é dicir, terreos localizados alén dos 50 metros a partir das edificacións tradicionais do núcleo.

2) O halo do concepto vén configurado pola franxa de terreo comprendida entre a zona de certeza negativa e a zona de certeza do concepto ou neste caso, a “cerna do núcleo”. Deste xeito, o halo do concepto configúrase coma a marxe que a Lei outorga ó planificador para que poida acomodar a delimitación á morfoloxía e tipoloxía preexistente do núcleo.

3) Por último, a zona de certeza do SNR ou “cerna do núcleo” que goza dunha natureza regrada de acordo cos requisitos que relataremos a continuación.

Con carácter xeral podemos defender que unha parcela deberá ser clasificada como SNR, cando veña inmersa na zona de certeza ou “cerna do núcleo” ou “trama rural.”, introducido polo art. 29.1 da LOUGA .

A localización deste artigo non nos pode despistar do seu alcance e contido, pois parece que se inclúe máis para xestionar o planeamento que para influír na súa elaboración. A localización das novas edificacións decídese no intre da elaboración do planeamento sen que sexa posible nunha posterior etapa de xestión facer outra cousa que non sexa reproducir o  que no mesmo se determina. Debemos aplicar este artigo á hora de delimitar correctamente un núcleo, para que cando se xestione, as edificacións poidan cumprir con este requisito.

Clarexado este aspecto, temos que establecer coa meirande obxectividade posible o significado e alcance da “cerna do núcleo”:

A trama rural é o conxunto de parcelas e edificacións que forman parte natural e indisoluble dun núcleo rural. Deste xeito, conforman a cerna do núcleo aqueles terreos sobre os que se asentan as edificacións, tradicionais ou non, cando a distancia que existe entre elas é inferior á distancia media das edificacións existentes no sámago deste núcleo. Tamén forman parte desta cerna as parcelas englobadas entre as anteriores edificacións.

Para identificar a cerna do núcleo  teremos que considerar o elemento que configura esencialmente á trama e condiciona a morfoloxía urbanística dos núcleos: a distancia entre as edificacións que o conforman. Na formación urbanística histórica e milenaria destes primitivos asentamentos, nunca se tiveron en conta nin os servizos nin a consolidación edificatoria, polos poboadores para determinar o crecemento e morfoloxía do asentamento. Estes criterios están moi alonxados da realidade, orixe e crecemento dos núcleos que estudamos, por propios do solo urbano e dunha planificación urbanística inexistente no rural. Ademais nunca existiron servizos nos núcleos (aínda hoxe non existen na meirande parte dos mesmos) polo que malamente se puideron ter en conta este criterio para a súa conformación e crecemento. Entendemos que esixir estes requisitos ós propietarios de SNR, non deixa de ser un intento de colmar un baleiro doutrinal, xurisprudencial e incluso mesmo normativo cos requisitos da clasificación do solo que máis se lle asemella: ós do solo urbano. Por este motivo consideramos que os requisitos do solo urbano non son os determinantes para establecer que parcelas deben estar obrigatoriamente integradas dentro do núcleo, senón que teremos que acudir a criterios que naturalmente conforman ós núcleos.

Polo tanto, para determinar que terreos forman parte da cerna ou trama rural, o primeiro que temos que facer é estudar cal é a distancia media entre as edificacións existentes dentro do sámago do núcleo. Para realizar este cálculo teremos en conta as seguintes regras:

a) Faremos tres medicións por edificación.

b) As medicións faranse respecto as tres edificacións máis próximas situadas ás 12, as 4 e as 8 da esfera dun reloxo, é dicir, buscando triangular a edificación coas tres edificacións situadas nos extremos dun triángulo o máis isósceles que poidamos. A triangulación é o xeito máis obxectivo tecnicamente para lograr unha medición axeitada.

c)         Para calcular esta distancia media teremos en conta tanto ás edificacións tradicionais como as non tradicionais existentes no intre da aprobación definitiva do planeamento. Por dous motivos: o primeiro, criterio xurisprudencial e lóxico é o de atender á situación “de feito” no núcleo no intre de aprobación do planeamento xeral ou instrumento de planificación urbanístico . O contrario sería como considerar que a morfoloxía do núcleo se quedara conxelada no intre no que se deixaron de edificar edificacións tradicionais no núcleo, (hai máis de 40 anos). O segundo é que no art. 29 da LOUGA, fálasenos de trama rural “existente”, polo que as edificacións non tradicionais, sempre que queden dentro do sámago terán que ser tidas en conta.

d)        Non se poden ter en conta para achar a as edificacións auxiliares (hórreos, pendellos, palleiras de escasa entidade construtiva) xa que estes elementos non teñen substantividade propia para determinar a trama (que si o sámago) xa que de telos en conta distorsionaremos o cálculo da distancia media, ó introducir múltiples construcións a distancias máis curtas que alteran a media.

e) Esta distancia medirase dende o punto medio das dúas paredes máis próximas de cada edificación

f) Só teremos en conta as edificacións ínsitas dentro dun mesmo sámago, co cal, cando exista unha descontinuidade no sámago ou atopemos edificacións tradicionais illadas, a máis de 100 metros entre si, non entraran dentro do cálculo da media. Se existen dous sámagos descontinuos, teremos que realizar o cálculo de dúas distancias medias, unha por cada sámago. Isto faise para que as edificacións illadas non desvirtúen a media.

 delimitación

Calculando a media da distancia existente nas edificacións dos núcleos, dotamos a esta sinxela regra da elasticidade necesaria para que se poida axustar ás tipoloxías dos núcleos, en concreto ás dúas esenciais: casarío mesto ou casarío claro, cos seus múltiples matices intermedios. Deste xeito permítese que sexa a propia natureza do núcleo a que determine o criterio básico de recoñecemento dos terreos que son indisolubles ó núcleo, por integrantes da súa trama.

Unha vez que temos as medicións, procederemos a achar a media aritmética das mesmas, para atopar a distancia media. Deste xeito, coñeceremos cal é a distancia natural aproximada e obxectiva que os poboadores do núcleo utilizaron dende tempos inmemoriais para conformar o propio núcleo e a súa morfoloxía.

Coñecida esta distancia, podemos establecer e coñecer que edificacións forman parte natural do núcleo, coa constatación da sinxela regra supra descrita: cando a distancia entre dúas ou máis edificacións sexa inferior á distancia media, estas formaran parte da cerna do núcleo dun xeito regrado. Acontecerá o mesmo coas parcelas que queden englobadas dentro destas ou máis edificacións. Un planificador que non respecte este criterio atenta contra a propia natureza das cousas, e, ó noso entender, traspasa a fina liña que separa á discrecionalidade da arbitrariedade.

Por outra banda, a consolidación edificatoria que existe nesta cerna do núcleo é moi importante, cotianmente estamos a falar do 80 e 90%, outro elemento máis para considerar como contrario a natureza das cousas deixar a estas edificacións fóra do núcleo. Este criterio, aínda que non se tivo en conta na conformación dos núcleos, entendemos que si pode ter a súa importancia, pois foi o criterio que tradicionalmente se utilizou para o recoñecemento dos núcleos rurais, consecuencia da aplicación supletoria dos requisitos do solo urbano, por falta de estudos sobre a cuestión. Entendemos que terase que ter en conta, pero como un elemento secundario.

Esta metodoloxía baséase na propia natureza dos núcleos, cuxo elemento esencial vén conformado pola distancia entre as edificacións do núcleo e no necesario control da dispersión poboacional. Non parecería sensato admitir que parcelas que naturalmente están fóra do mesmo, se inclúan dentro deste dun xeito artificial, como permitir que edificacións que formen parte natural do núcleo queden fóra do mesmo, xa que a propia natureza e lóxica das cousas o impide, baseándose nunha teoría que tan só pretende describir a esencia da realidade dos núcleos que analiza para evitar arbitrariedades.

Si necesitas asesoramiento especializado non dubide en consultarnos chamándonos ó teléfono 981 570005 on enviándonos un mail a despacho@lopezabogados.org.

 

Paulo López Porto.

PORTADA CONSULTAS

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.